Día das Letras Galegas

¿QUE É O DÍA DAS LETRAS GALEGAS?

O día 17 de maio de 1863, Rosalía de Castro publicaba o seu libro Cantares gallegos, o primeiro gran libro das nosas letras posterior á época dos cancioneiros medievais e, xa que logo, a primeira grande obra da literatura galega contemporánea. Con el, a lingua galega, que viña de recuperar a súa vella condición de lingua escrita, acadaba tamén o alto rango dunha lingua literaria. A poesía de Rosalía de Castro transcendía o carácter testemuñal que ata entón tiveran as obras dos seus contemporáneos e consagraba deste xeito o rexurdimento cultural do século XIX.

Cen anos despois, en 1963, a Real Academia Galega, unha institución nacida xustamente daquel rexurdimento, acordaba instituír o día 17 de maio de cada ano como o Día das Letras Galegas. O que a Academia pretendía con aquela medida era restablecer a relación dos galegos coa súa literatura, a máis alta manifestación da lingua galega, e honrar aqueles escritores, historiadores, xornalistas, artistas plásticos, ideólogos…, que cos seus esforzos colaboraron na recuperación e defensa da lingua galega.

Como é lóxico, o primeiro escritor homenaxeado foi Rosalía de Castro. Dende entón, as grandes figuras das nosas letras foron designadas, ano tras ano, para seren celebradas nese día. Son todos eles galegos que, pola importancia da súa obra ou pola significación que tiveron na historia da nosa Terra, son merecentes dunha homenaxe colectiva.

O Día das Letras Galegas é a gran festa cultural de Galicia.

¿QUEN FORON OS HOMENAXEADOS?

  • 1963: Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837; Padrón, 1885).
  • 1964: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886; Buenos Aires, 1950).
  • 1965: Eduardo Pondal Abente (Ponteceso, 1835; A Coruña, 1917).
  • 1966: Francisco Añón Paz (San Pedro de Outes-Muros, 1812; Madrid, 1878).
  • 1967: Manuel Curros Enríquez (Celanova, 1851; A Habana, 1908).
  • 1968: Florentino López Alonso-Cuevillas (Ourense, 1886-1958).
  • 1969: Antonio Noriega Varela (Mondoñedo, 1869; Viveiro, 1947).
  • 1970: Marcial Valladares Núñez (Vilancosta-Berres-A Estrada, 1825-1903).
  • 1971: Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963).
  • 1972: Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1849-1906).
  • 1973: Manuel Lago González (Tui, 1865; Santiago, 1925).
  • 1974: Johán Vicente Viqueira (Madrid, 1886; Bergondo, 1924).
  • 1975: Juan Manuel Pintos Villar (Pontevedra, 1811; Vigo, 1876).
  • 1976: Ramón Cabanillas Enríquez (Fefiñáns-Cambados, 1876; Cambados, 1959).
  • 1977: Antón Villar Ponte (Viveiro, 1881; A Coruña, 1936).
  • 1978: Antonio López Ferreiro (Santiago, 1837; Vedra, 1910).
  • 1979: Manuel Antonio Pérez Sánchez (Rianxo, 1900; Asados-Rianxo, 1930).
  • 1980: Alfonso X, o Sabio (Toledo, 1221; Sevilla, 1284).
  • 1981: Vicente Risco (Ourense, 1884-1963).
  • 1982: Luís Amado Carballo (Pontevedra, 1901-1927).
  • 1983: Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo, 1854-1912).
  • 1984: Armando Cotarelo Valledor (Vegadeo, 1879; Madrid, 1950).
  • 1985: Antón Losada Diéguez (O Carballiño, 1884; Pontevedra, 1929).
  • 1986: Aquilino Iglesia Alvariño (Seivane-Abadín, 1909; Santiago, 1961).
  • 1987: Francisca Herrera Garrido (A Coruña, 1869-1950).
  • 1988: Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888; Trasalba-Amoeiro, 1976).
  • 1989: Celso Emilio Ferreiro Míguez (Celanova, 1912; Vigo, 1979).
  • 1990: Luís Pimentel [Luís Vázquez Fernández] (Lugo, 1895-1958).
  • 1991: Álvaro Cunqueiro Mora-Montenegro (Mondoñedo, 1911; Vigo, 1981).
  • 1992: Fermín Bouza-Brey (Ponteareas, 1901; Santiago de Compostela, 1973).
  • 1993: Eduardo Modesto Blanco Amor (Ourense, 1897; Vigo, 1979).
  • 1994: Luís Seoane López (Buenos Aires, 1910; A Coruña, 1979).
  • 1995: Rafael Dieste Gonçalves (Rianxo, 1899; Santiago de Compostela, 1981).
  • 1996: Xesús Ferro Couselo (Valga-Pontevedra, 1906; ? 1975).
  • 1997: Ánxel Fole Sánchez (Lugo, 1903-1986).
  • 1998: Johan de Cangas, Martin Codax, Mendiño (Século XIII).
  • 1999: Roberto Blanco Torres (Cuntis, 1881; Entrimo, 1936).
  • 2000: Manuel Martínez Murguía (Froxel-Arteixo, 1833; A Coruña, 1923).
  • 2001: Eladio Rodríguez González (San Clodio-Leiro, 1864; A Coruña, 1949).
  • 2002: Frei Martín Sarmiento [Pedro José García Balboa] (Vilafranca do Bierzo, 1695; Madrid, 1772).
  • 2003: Antón Avilés de Taramancos [Antón Avilés Vinagre] (Noia, 1935-1992).
  • 2004: Xaquín Lorenzo Fernandez, “Xocas”(Ourense, 1907 – 1989)
  • 2005: Xesús Lorenzo Varela, (Monterroso(Lugo), 1916 – 1978)
  • 2006: Manuel Lugrís Freire
  • 2007: María Mariño
  • 2008: Xosé María Álvarez Blázquez
  • 2009: Ramón Piñeiro López
  • 2010: Uxío Novoneyra
  • 2011: Lois Pereiro
    2012: Valentín Paz Andrade
  • 2013: Roberto Vidal Bolaño
  • 2014: Xosé María Díaz Castro
  • 2015: Xosé Filgueira Valverde
  • 2016: Manuel María