O magosto

O magosto é unha festa tradicional celebrada en Galicia na que se asan e comen castañas, que poden ir acompañadas de chourizos e viño. Á parte de comer, é común tiznarse a cara cos restos da fogueira, saltar as fogueiras xa que trae sorte así como realizar diferentes xogos tradicionais, contar contos e cantar cancións populares.

A cultura galega estivo sempre estreitamente vinculada á castaña. Ademais de que os castiñeiros forman parte da paisaxe da comunidade, este froito foi decisivo na historia e a economía de Galicia. Foron os romanos quenes introduciron a árbore no territorio e ata o descubrimento de América foi un produto fundamental da dieta dos galegos. Coa chegada das patacas, a castaña pasou a ser consumida polas clases menos favorecidas, pero recentemente a cociña gourmet deulle o seu lugar. A forma máis tradicional de preparalas é asadas.

Na súa orixe, o magosto reunía ás familias entorno ao lume para honrar as colleitas. Co paso dos anos, os costumes foron adaptándose aos novos tempos, pero o lume sempre foi unha constante.

Esta festa é especialmente celebrada na cidade de Ourense, onde coincide coa celebración do San Martiño (11 de novembro), patrón da cidade, e está considerado festa de interese turístico de Galicia.

O escritor e historiador galego Manuel Murguía consideraba o Magosto como un banquete funerario no que a castaña ao lume simbolizaría a morte e o viño, a nova vida. Ao redor desta idea, para celebrar o fin dunha nova colleita, xuntábanse veciños, familia e amigos.

Diferenciaba o historiador e antropólogo galego Antonio Fraguas Fraguas entre o Magosto a secas, que non é máis que asar unhas castañas nunha fogueira, e a festa do Magosto, que é moito máis. É o Magosto unha festa de colleitas, lume, castañas e viño novo. É festa de xuntarse e de divertirse, festa de vida e morte, de mocidade e de tiznar a traizón ao de en fronte. O magosto celebra a vida despois de que en Todos os Santos e Fieis honrase á morte.