Saúdo do Presidente fundador

Benvido a este espacio do Centro Galego de Tres Cantos. As novas tecnoloxías permítennos abrir as nosas portas, as do Centro e mais as de Galicia, non só para os galegos veciños de Tres Cantos, senón tamén para todos aqueles amigos que coñecen e aman Galicia, as súas xentes, a súa cultura, as súas paisaxes, os seus costumes, a súa gastronomía…eduardo

Este Centro foi fundado por un feixe de galegos residentes nesta Cidade. Naceu coas súas inquedanzas e co obxectivo sobranceiro de ser o punto de acollemento para todos os que devecemos “polo noso” e, a un tempo, poder tamén ofrecer a posibilidade de, traballándomos xuntos, desenvolvermos programas encamiñados a darlle pulo á irmandade entre todos nós, á cultura, ao lecer e ao coñecemento da nosa terra, para o que, por unha banda, artellaremos xuntanzas gastronómicas, concertos musicais, mostras de pintura e mais de escultura, promocións da literatura galega, saídas culturais e de lecer e, por outra, participamos nos actos e eventos que a Cidade organiza, representando o colectivo galego que supón unha parte ben salientábel da sociedade tricantina.

Con este espírito e coa arela de representación do galego e participación cidadá, agradezo de bo grado e sinceramente a túa visita á nosa “páxina web” e asemade aproveito a oportunidade para convidarte para que te vencelles a nosoutros, facéndote socio. Coa túa axuda e colaboración contribuirás ao desafío de facer grande o Centro Galego de Tres Cantos.

Un saúdo agarimoso,

Eduardo García Díaz
PRESIDENTE HONORIFICO